Monday 06 de May de 2024

O Concello pobrense habilita un servizo de asesoramento xurídico para as persoas inmigrantes


Baixo a premisa de favorece-la inclusión social das persoas inmigrantes, o Concello da Pobra do Caramiñal pon en marcha un servizo de asesoramento xurídico da man da ONGd SenValos e que entrará en funcionamento no 22 de febreiro. A concelleira dos Servizos Sociais, Amparo Cerecedo (BNG), explicou que a Administración local aposta por esta iniciativa para dar resposta á demanda existente nesta materia, para a cal se contará coa referida organización pola súa experiencia e sensibilidade, pois fixo fincapé en que “non falamos de números, falamos de persoas.”

Doutra banda, o presidente da ONGd SenValos, Patxi Hurtado, manifestou que afrontan este programa con “ilusión” para abordar así as necesidades das persoas inmigrantes en materia de estranxería que abranguerá diversos aspectos: procesos de regularización, reagrupación familiar, elaboración de escritos, recursos, homologación de títulos, pensións…

Se ben a atención presencial se desenvolverá no local dos Servizos Sociais no último martes de cada mes e en horario de mañá, tamén existe a posibilidade de face-lo extensible ás tardes para adaptarse á dispoñibilidade das persoas usuarias, ademais de concertar outras datas para o acompañamento na realización de trámites fóra das dependencias municipais. Así mesmo, habilitarase un teléfono de contacto e whatsapp para situacións de urxencia.

As persoas interesadas poden solicitar máis información e concerta-la súa cita a través do teléfono de contacto 981832764 ou acudindo directamente ao Departamento dos Servizos Sociais, situado fronte a casa consistorial.